Tuesday 14 de May de 2024

A Casa dos Maiores do Ensanche ofrecerá actividades lúdicas para fomentar un envellecemento activo


Programaranse actividades como baile, cursos de achegamento ás novas tecnoloxías e saídas culturais

O alcalde comprometeuse na Festa dos Maiores tamén a instalar máis bancos en parques e zonas de ocio

Será en San Pedro de Mezonzo, no antigo local da antiga tesourería, onde se ubicará a Casa dos Maiores do Ensanche co obxectivo de crear un espazo social e de ocio para a terceira idade: “alí programaremos actividades co dobre obxectivo de previr o deterioro psico-físico e favorecer a convivencia e a integración social destas persoas na súa contorna”.

Actividades como baile, cursos de achegamento ás novas tecnoloxías, obradoiros e saídas culturais programaranse no centro ubicado en pleno Ensanche, que contará tamén cunha sala de lectura e varios espazos de usos múltiples.

Trátase dun local comercial de planta baixa cunha superficie total de 1.528 m2 e cun patio interior que xa foi cedido ao Concello. “Procuramos ofrecer novos espazos de encontro e socialización para a terceira idade porque queremos fomentar un envellecemento activo” explica o alcalde…

Máis bancos nas prazas públicas e zonas de biosaudables

Precisamente na Festa dos Maiores que tivo lugar no marco da programación da Ascensión, o alcalde atendeu a moitas das solicitudes que lle plantexaron durante o encontro. Principalmente, segundo explica Sánchez Bugallo, “solicitáronnos máis bancos nos parques e en espazos públicos, e por outra banda, un espazo de socialización para o baile, como é a Casa dos Maiores na que estamos traballando”.

Precisamente, sobre a instalación de novos bancos e a adecuación de espazos públicos, o alcalde explicou que esta mesma semana instaláronse novos asentos na Praza Roxa, e está previsto que se reforce a instalación de bancos noutros puntos nos que se rexistraron varias solicitudes. Por outra banda, actualmente están en marcha o espazo interxeracional de Sar e o parque infantil da Almáciga, ambos proxectos, con zonas de ocio interxeracional e espazos de convivencia para a terceira idade.

Tamén sobre a instalación de elementos biosaudables, o alcalde recalcou que se está a facer un esforzo para que todas as zonas de ocio infantil conten, na proximidade, cun espazo de biosaudables, ao tempo que se traballa para crear a rede de ximnasios de barrio anunciada nos últimos días: “durante este mandato instaláronse varios espazos para realizar actividades de mantemento, algo que reforzaremos, coa rede de ximnasios de barrio que comezaremos no Restollal” explicou o alcalde.